O vindeiro sábado celebrarase en Ponte Caldelas unha xornada de festa con obradoiros e concertos
12 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A Asociación Cultural Calakux promove este festival que nace con afán de continuidade. Trátase dun evento con gran multiculturalidade pero partindo dunha base galega, como subliñou o voceiro da organización, Mario Krohn.
Obradoiros de grafiti, actividades para nenos e maiores, espectáculos de clown ou danza, ioga, paseos en burro e por suposto, música, en directo e disco, non faltarán nunha cita pensada para un público de todas as idades, que se desenvolverá no marco incomparable da praia e paseo fluvial de Ponte Caldelas.
A idea de facer este festival, totalmente gratuíto, xurdiu dos propios veciños, segundo comenta Krohn, que se puxeron en contacto coa asociación, que ven desenvolvendo unha importante actividade ao longo do ano, para pedir algo diferente, enmarcado dentro do ámbito cultural e lúdico. «Fuimos a hablar con el alcalde, Perfecto Rodríguez -engade-, y nos dijo que no había problema y que nos facilitaba el escenario, el generador, la electricidad y que también se hacía cargo de la limpieza».
Solucionado ese problema de infraestrutura, empezaron a traballar na programación. Primeiro, pensouse nos concertos, pero iso limitaría bastante a participación e como se quería atraer a todo tipo de público, pensaron en outras actividades. «Fue un reto», apunta Krohn.
Ao final, a primeira edición de Pontefluvial 2007 comezará ás 17 horas, con obradoiros de grafiti, que rematarán ás 20 horas, e de manualidades para primeira e terceira idade, neste caso ata ás 18.30 horas. Tamén haberá modelismo de barcos, ata ás 20.30 horas, a cargo da asociación Amonaga, de Vigo.
En canto aos espectáculos, o belga Rudi Dudi presenta Clowntanimación, ás 18.30 horas e ás 19 horas, danzas do mundo a cargo de Suso e Toni, de Ourense e Holanda, respectivamente. A ora do ioga para nenos de 6 a 12 anos será ás 19,30 horas, a cargo da alemana Kira.
Logo chega o apartado musical. Haberá concertos desde as 21 horas, a cargo de Mestres das Verbas, hip hop local, o rock da banda pontevedresa Debuxos Reanimados, ou a rumba flamenco fusión de Los Muñecos, chegados desde Madrid.
E a partir das 0,30 horas, a quenlla é dos dj, coa participación de El Topo e Ulf, de Alemaña, e a Fundación Intemperie, de Vigo, que achegarán as tendencias máis innovadoras do panorama internacional actual, do house ao techno pasando polo minimal, o electro e as sonoridades máis experimentais.
Os organizadores esperan a asistencia dunhas 3.000 persoas a este festival e para atendelas debidamente, habilitarán tamén puntos de asistencia sanitaria. Todas as actividades e concertos son de balde, agás os paseos en burro para nenos, que terán un prezo simbólico.
Para vindeiras edicións, os organizadores xa anuncian que Pontefluvial crecerá en todos e cada un dos seus apartados e tamén queren diversificar os seus contidos, comezando con outras actividades como un mercado artesanal, unha pasarela de moda, mostra de teatro e ata cursos de verano, xunto con actividades para nenos, todo nun entorno privilexiado. No apartado musical, prestarán atención tanto a nomes coñecidos como ás ultimas tendencias co obxectivo de facer deste festival, unha «experiencia única» para os que nunca estiveron, e unha «cita ineludible» para os fans da música.