«Hai cuestións no pacto co PSOE que non están funcionando»

M. Escauriaza A.????González????? / ????Ch.???Casares PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Entrevista | Miguel Anxo Fernández Lores Pese aos roces cos socialistas, sostén que os catro anos de goberno bipartito tiveron un balance positivo e di que Teresa Casal se equivoca se cre que o inimigo é o BNG

24 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Fernández Lores confía no apoio dos pontevedreses para revalidar a alcaldía. -Todos se ven alcaldes. ¿Vostede como se ve? -O traballo que se fixo nos últimos anos e as propostas que o BNG prestenta, cun equipo que coñece o Concello e coa aposta da Xunta -unhas consellerías máis que outras- pola cidade nos pon nunha situación boa para revalidar a maioría suficiente. -Maioría suficiente, ¿con máis ou menos do que ten agora o BNG? -Maioría suficiente, suficiente. Nós aspiramos a ser a lista máis votada. -Baixar dos dez sería... -Non, non... a lista máis votada, maioría suficiente. Non quero entrar en ningunha outra discusión. Non valoro ningún tipo de enquisas nin fago previsións que non teñen sentido. Nós transmitimos a nosa mensaxe e esperamos que os cidadáns aposten polo BNG. -En caso de pacto, ¿estaría disposto a ceder o Urbanismo aos seus socios? -Ata despois do día 27 non vamos falar. Hai que ver os resultados e tomar as decisións que sexan máis importantes para Pontevedra. Non fai falta insistir no comportamento do BNG de facer maiorías sociais para que Pontevedra avance. -Di a candidata socialista que o BNG non ten a mesma lealtade co PSOE que a que os socialistas tiveron co Bloque. -Eu creo que é... non ao revés, pero si que hai cuestións que non están funcionando. Valoro positivamente o acordo de gobernabilidade. Despois de ver unhas declaracións de Teresa Casal de que o alcalde presume dos logros do PSOE, ata aí estiven caladiño. Despois de escoitar eso, sinceramente, cada pao que aguante a súa vela. Paréceme gracioso que últimamente o partido socialista se estea metendo co BNG. Ou que estea xustificando cuestións que son competencia súa. -¿Quere dicir que o PSOE fixo pouco? -Non, non. Hai certos aspectos como o transporte que era responsabilidade súa. Nós levamos tres anos metendo cartos no presuposto para facer un billete único e seguimos sen acordo. O tema dos aparcamentos, exactamente igual. -En certo modo está recoñecendo que esas autonomías que existen no goberno están perxudicando aos pontevedreses. -Esa é unha pregunta un tanto revirada. Nós chegamos a un acordo en temas fundamentais: a elaboración do PXOM, criterios de como queremos facer as cousas.... Chegamos ao acordo que conleva que se hai consenso nos temas fanse consensuadamente. E se non o hai, cada concellería é responsable de executar a súa responsabilidade. Non estou recoñecendo nada. Penso que Teresa Casal se equivoca se considera que o inimigo é o BNG. -Acaba de mencionar como un dos grandes marcos de acordo o novo PXOM. Pero o PSOE acaba de ir da man co PP para lerlle a cartilla ao BNG. -Nos últimos anos non é que non se aprobara nin se tramitara o de Pontevedra, é que non se tramitou ningún. O que hai é un problema de normativa para aprobalo. Nós queremos aprobalo cando se clarifiquen certas cuestións referentes á ordenación do rural. Utilizar o PXOM cando non se aproba ningún nos últimos tres anos é unha forma de tirar... o que se queira. Nós estamos traballando seriamente e, se as cousas van ben, entre o 2008 e o 2009 ten que aprobarse. -Vostedes fixeron precisamente do urbanismo unha das principais armas contra o candidato do PP pola súa condición de promotor. ¿É igual de malo ter un alcalde promotor que unha conselleira de Vivenda ligada á construcción? -Unha cousa é ser un arquitecto que te dedicas unica e exclusivamente agora a ser conselleira de Vivenda. No caso de Telmo Martín sigue sendo promotor e consideramos que non é ético. Para que se entenda ben eso é como se ti eres delanteiro centro dun equipo e árbitro ao mesmo tempo. -Tendo en conta a urxencia da ronda, o problema do tráfico e a disposición do Concello para sufragala, ¿por que se fai agora e non se ten feito antes? -Pois porque as cousas levan o seu tempo. Nós non temos unhas raias pintadas nun plano. Hai un traballo serio dos equipos técnicos. Levamos desde o ano 99 con esto. Plantexámolo a Fomento. Por parte de Álvarez Cascos se desbotou. Despois o PSOE disparou por elevación. ¿Puidose presentar antes? Si, pero non fumos capaces de elaborala ata agora. Non foi posible por cuestións técnicas.