«O meu libro disco é un pretexto para falar do mar»

Chelo Lago PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

RAMÓN LEIRO

Entrevista | Susana Rei A obra da autora pontevedresa, dirixida a todos os públicos, conta coa colaboración de Manuel Rivas que pon a voz en off no conto

14 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A polifacética pontevedresa Susana Rei presentou onte o seu libro disco Martiño e o mar, un conto ilustrado e temas orixinais compostos pola autora, que nos últimos tempos traballa en producións cinematograficas como Los lunes al sol ou a curta Cousas do Kulechov, da que é directora, guionista, produtora e montadora. -De que vai esta obra? -Narra unha historia de personaxes, dun rapaz e un sereio que van de Galicia a Bahía para buscar unha solución ao deterioro do mar, pero en realidade é un pretexto para falar sobre o mar, para continuar unha tradición na que os galegos levamos séculos invertendo tempo que é a de falar, pensar imaxes, contar e cantarlle ao mar. Fago 15 ilustracións que acompañan un conto e ademais compoño a música e a letra de sete temas para o disco. -A que vai dirixido? -Parto do universo infantil e xuvenil, de ideas como a maxia, a aventura, o gusto polo risco, a liberdade, a resolución de problemas xuntos, os amigos...pero é para todos os públicos. -Cómo foi a experiencia de compoñer? -Boísima porque eu compuña desde nena, aínda que ninguén o sabía. A miña formación é máis plástica, son doutora en Belas Artes, pero apaixóame o mundo da música. Ademais coñecín unha xente aluciante, músicos boísimos porque no disco non hai unha banda, senón uns de aquí, outros de fora... temos un pianista, Juan Cuacci, arxentino, que acompañou a Liza Minelli ou Celia Cruz, hai xente moi boa e tamén xente nova. -Como contactou con eles? -A base de vontade. Eu son de Pontevedra pero levo uns anos vivindo en Valencia, e cando viña para aquí, que son mil km, todo o día no coche, viña pensando... neste tema vaille ven un violonchelo, no outro, un piano, e ao chegar, a base de chamadas, contactaba cos músicos. -Polo visto é un proxecto totalmente persoa. -Si, totalmente, eu encargueime de todo, ata da produción artística e dos cartos para o disco. Quería facelo, tiña ilusión e foi así, a golpe de vontade. -Cando se editou? -Non ten nin un mes. O imprimiu a Fundación Paideia e apoiaron o proxecto institucións como a Deputación da Coruña, que mercou mil exemplares. -Está nas librerías? -Tamén son eu mesma a que está a distribuír o libro de man en man porque Paideia en lugar de pagarme polo meu traballo, deume exemplares que vou vendendo directamente. Tamén distribúo en librerías, como Michelena ou Paz en Pontevedra. Pero estou alucinada porque case non me quedan. -Canto custa? -Vinte euros e a ver se polo menos cos exemplares que teño podo recuperar os cartos que metín no proxecto, xa non digo cobrar polo meu traballo, que debería. Se hai unha segunda edición comezaría a gañar algo.