As Noites Abertas buscan socios

La Voz

PONTEVEDRA

RAMÓN LEIRO

Praza da Ferrería

08 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

E xa van oito. Noites Abertas renova este fin de semana o seu programa de lecer alternativo nocturno para mozos desde 12 ata 30 anos, que inclúe máis de sesenta actividades gratuítas ata finais do mes de maio. A concelleira de Servizos Sociais, Margarita Castejón, destacou onte como unha das novidades deste ano a implantación do carné de socio, que permitirá aos participantes gozar de descontos nalgúns comercios e entrar en sorteos de agasallos de empresas colaboradoras. O sorteo estrela será de cinco viaxes Interrail por países europeos a realizar o próximo verán, grazas a un convenio entre Renfe e o Concello. Pilar Rodríguez, delegada comercial de Renfe, explicou onte que o país será elixido polos agraciados que poderán percorrer en tren durante oito días. O carné hai que solicitalo expresamente no Departamento Municipal de Xuventude, pero non é imprescindible para participar nas actividades do programa. Outra das novidades é a dotación de monitores de acompañamento que facilitará a Asociación Virxe da O para que persoas con discapacidade poidan ter acceso á ampla oferta de lecer de Noites Abertas. A oferta se divide en dez actividades deportivas, quince de danza, música e audiovisuais, nove de manualidades, seis ambientais, dez de xogos, seis de desenvolvemento persoal e catro actividades especiais. Obradoiros, skate, fútbol, aquagym, breakdance, visitas culturais, sendeirismo nocturno polo Gafos, piscina, malabares, automaquillaje, fitness, xogos de rol, cine e concertos. No ámbito musical a segunda edición do concurso de hip-hop que se celebrará o 26 de maio. Todo isto e máis ofrece Noites Abertas para os fins de semana, e as actividades pódense consultar na web www.noitesabertas.com. Unha das entidades participantes no programa é Tuatha de Danann, o colectivo de xogadores de rol. Aínda que a asociación quixo aclarar onte que non celebrará o maratón de rol en vivo que tiña previsto en febreiro, ao non conseguir do Concello «ou orzamento mínimo para poder realizalo». Y E quen está bastante máis contento é o autor pontevedrés Carlos Mosteiro, que onte recibiu o premio literario Barco de Vapor no Salón do Libro Infantil de Pontevedra. Mosteiro, fincado desde hai varios anos na localidade de A Pobra, gañou este certame do pasado ano co libro Unha bruxa ben rara. Como o seu propio título indica, esta non é unha bruxa ao uso, senón que é máis ben demasiado boa e os nenos pasan de terlle medo a abusar dela. A verdade é que o tema vén que nin pintado para o tema do Salón do Libro Infantil e Xuvenil este ano, que é o medo. ¡Parabéns ao autor!