Marcón se apunta al cocido

La Voz

PONTEVEDRA

RAMÓN LEIRO

Praza da Ferrería O vindeiro domingo, no campo da festa, celébrase a segunda edición da cita gastronómica na que se prepararán 4.000 racións

23 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Con este tempo tan frío que estamos tendo parece que apetece máis, se cabe, un bo cocido. E precisamente iso é o que se ofrecerá o vindeiro domingo no campo da festa de Marcón, que acolle a Segunda Festa do Cocido, auspiciada polo empresario pontevedrés Carlos Ferreiroa Sánchez e a comisión de festas da parroquia. O empresario é membro da Asociación Amigos do Deza e ten raíces familiares en Lalín, localidade inmersa nos preparativos da súa famosa festa de exaltación deste prato tradicional galego. Ademais, os produtos que se empregarán para preparar o prato son de Lalín, non en balde Carlos Ferreiroa ten unha empresa dedicada á súa distribución, con almacén en Monte Porreiro. ? Programa A cita gastronómica conta co respaldo e o apoio da comisión de festas de Marcón, que colabora no seu desenvolvemento. Para ese día programaronse unha serie de actividades que comezarán cedo, cunha tirada de bombas de palenque e a apertura dos postos de venda, baixo unha monumental carpa. Haberá de artesanía e de gastronomía e todos os que queiran participar pódense pór en contacto cos organizadores a través do teléfono 658???914???077. Tamén haberá unha misa solemne na igrexa de San Miguel de Marcón e ás 13 horas, lerase o pregón que estará a cargo dunha persoa de Pontevedra que polo momento, prefiren manter no anonimato. Logo haberá unha sesión vermú amenizada por un grupo folclórico e comezará a servirse o cocido. O prato completo de cocido custará 5 euros -6 se se serve nunha cazola de barro que se leva o comensal- e no prezo inclúese o viño e o pan. Ademais, as seguintes racións de cocido son totalmente gratuítas, só cobrarase a bebida. Veciñas da parroquia e membros da comisión de festas serán os encargados de cociñar as 4.000 racións previstas, que se elaborarán por certo, nunhas potas prestadas pola Brilat e a Usba (Unidade de Servizos de Base), da base General Morillo en Figueirido. Verbena e queimada A festa continuará pola tarde, con actividades e atraccións para os nenos a partir das 17 horas, facilitadas polo Concello, que tamén coabora, e ás 19, serán os alumnos do ximnasio Suh Sport os encargados de realizar unha exhibición de batuka e taekwondo. E a cita rematará cunha verbena, a partir das 19.30 horas, amenizada polas orquestras Trovadores da Coruña e Trébol de Ferrol. Pero os asistentes tamén poderán optar a unha cesta de embutidos ibéricos doada por Xamóns Ferreiroa e Espectáculos Carballo, e un porquiño doado por Gandos Gonzalo. A festa pecharase cunha gran queimada, invitación da comisión. Ferreiroa subliñou a colaboración prestada por Covsa, Club Tu y Yo e Pinturas Alborada, entre outras empresas. Rutas do Románico Quen tamén están este ano de festa, non en balde cumpren as súas vodas de prata, son os integrantes das Rutas do Románico, que ultima xa os preparativos da súa nova marcha. O padroado reitor da súa fundación cultural informou que o vindeiro domingo, día 27, ás 20.30 horas, na sede do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra, ábrese a inscrición e entrega de dorsais aos participantes na ruta comemorativa do seu 25 aniversario. A idade mínima para poder participar é de 16 anos, tendo que presentar os menores de 18 unha autorización de pais ou titores. O número de participantes limítase a 49 cicloturistas, polo que as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Ademais de cumprimentar a solicitude de licenza federativa 2007, a folla de inscrición terán que abonar en metálico 80 euros.