Reportaxe | Unha parroquia chea de cultura A Sociedade Cultural e Deportiva Mourente abre hoxe un novo ciclo de inverno que traerá as montaxes de cinco grupos galegos
12 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O grupo Expresión abre hoxe o ciclo de teatro de inverno da Sociedade cultural e Deportiva de Mourente, unha entidade ligada de sempre ao mundo da escena e que dentro de dous anos cumprirá medio século de existencia. O seu actual presidente, José Luis Bouzas, recorda que nesta parroquia pontevedresa sempre houbo moita afección, incluso antes da Guerra Civil. «Incluso -engade- case se chegou a rodar unha película naqueles anos». Esta tradición rompeuse coa Guerra e o tema volveu a retomarse coa creazón, no ano 1959, da Sociedade Cultural e Deportiva Mourente. A entidade conta ademáis cun grupo propio Teatro Xenio, que leva trinta anos de actividade e que, como subliña o presidente, «provocou dalgunha maneira unha maior afección na zona». A súa directiva quere dar unha continuidade a esta actividade tan tradicional coa programación destes ciclos e tamén de outros de monólogos, «unha aposta nosa para atraer ao público máis mozo». No ciclo que hoxe comeza, Expresión representa, ás 20.30 horas, a obra Imas Xinarium. Mañá, serán Os sete magníficos máis un, de Santiago, os que poñan en escena O calvo e o gordo van ao médico, ás 18.30 horas. O vindeiro fin de semana, concretamente o día 20, o grupo Alecrín presentará O muiñeiro de Ribadumia; o día 27, o Aula de Teatro Municipal achegará o seu montaxe Lixo e o 3 de febreiro, Os da Coviña, do Círculo Cultural Deportivo de Cesantes, pechará o ciclo coas obras As tres irmáns parvas e Maldito idilio. Pero non so programa teatro, senón que a sociedade leva a cabo moitas outras actividades, como concertos de blues, jazz e rock ou mesmo unhas festas reggaeton e single que fixo o pasado ano, ademais de sesión de Dj. Tampouco faltan os tradicionais bailes das sociedades, como ocorreu en Nadal e os programados xa para o entroido. Neste caso, o día 17, as orquestras Charlestón e Atenas serán as encargadas de amenizar a noite, mentres que o día 24 haberá un baile nocturno de piñata, coas orquestras Sintonía e Sabor Latino, e pola tarde, un para os nenos. Na actualidade, 400 persoas forman parte como socios de esta entidade, e a directiva quere chegar aos 500 para o 50 aniversario, unha cifra difícil de lograr, pero non imposible.