Roteiro dos cruceiros

Raquel Sánchez Mella

PONTEVEDRA

Reportaxe | Arquitectura popular tradicional Na comarca hai máis de 250 exemplares cuia orixe constructiva ven dada por cinco diferentes motivos: devocionais, rogativos, de gabanza, de ofrenda ou de orientación

07 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O cruceiro é a manifestación artística máis importante da cultura popular galega. Son cruces de pedra que se sitúan nos cruces de camiños, nos adros das igrexas, ou incluso nas entradas dos cemiterios, sempre en relación con lugares de culto. Tamén se atopan en espacios vencellados a crenzas pagás como os lugares máxicos de curación, de reunión de ánimas, bruxas, etc., adquirindo un carácter simbólico sagrado con función de protección. As imaxes máis comúns son as dun Cristo crucificado en soidade polo anverso e a da representación da piedade, expresada a través da Virxe, polo reverso. Aínda que é menos frecuente, tamén se poden atopar figuras simbólicas como: caveiras, que se soen poñer ós pés de Cristo, a lúa ós pés da Virxe, anxos nos capiteis ou nos pés das imaxes e a figuración do Pecado Orixinal a través dunha caveira, unha serpe ou unha píntega, que se coloca ós pés do Cristo, no varal ou no baseamento. A meirande parte destes elementos populares encádranse entre os séculos XVII e XX, aínda que algúns autores remontan a súa orixe ós menhires prehistóricos, os cales foron posteriormente cristianizados engadíndolles unha cruz. Composición A maioría dos cruceiros atopados na comarca de Pontevedra están formados polas seguintes partes: os chanzos; a base, xeralmente de forma cuadrangular, sobre a que se apoia unha columna ou fuste con forma octogonal ou circular; o capitel, que está decorado con motivos vexetais ou xeométricos por norma, sen esquecer os rostros de nenos que aparecen en varios deles; e finalmente a cruz, a cal está dividida en dúas partes, representando por un lado a crucifixión e por outro a piedade, concedéndolle ao cruceiro un carácter constructivo de vulto redondo. Dada a gran cantidade de cruceiros da comarca, merece a pena facer un pequeno percorrido visitando algúns destes exemplares, posto que son representativos da comarca por teren elementos que os diferencian do resto de cruceiros. Partindo de Pontevedra, podemos acercarnos a visitar o Cruceiro da Basílica de Santa María, un fermoso cruceiro plateresco, ó cal se lle asocia un rito de orixe pagano que se exercía sobre as mulleres embarazadas co fin de evitar o aborto. Combarro Seguindo polo Concello de Poio, podemos visitar a parroquia de Combarro. Esta vila mariñeira constitúe a excepción dentro das características xerais dos emprazamentos de cruceiros na comarca. A única explicación que pode haber para isto é, seguindo a corrente histórica de que algúns cruceiros estaban situados sobre lugares de culto pagáns, de orixe celta ou castrense. Hai que ter en conta que a orixe de Combarro podería residir nun castro costeiro, aínda que non se atoparon moitos restos. Os cruceiros de Combarro son unha mostra de que a vila xa dende tempos lonxanos estaba rodeada dun aire de misticismo que hoxe en día nos acompaña cando paseamos entre as súas rúas. De entre os seis cruceiros que se espallan polo núcleo da vila facemos referencia pola súa peculiaridade iconográfica ao cruceiro na Rualeira, o cal ten representado no fuste ou columna o tronco dunha árbore e no reverso da cruz a Virxe do Socorro co garrote na man. Tamén neste mesmo concello ofrécese a posibilidade de disfrutar dunha pequena ruta que percorre varios cruceiros situados na parroquia de San Xoán de Poio, os cales responden ós nomes de Cruceiro da Renda, Cruceiro no camiño das Fonteiriñas, cruceiro no lugar de O Pereiro de Abaixo, Cruceiro do Pereiro (no lugar de O Pereiro de Abaixo) e Cruceiro do Pereiro (no lugar de Esperón). Singulares Continuando polo Concello de Barro podemos acercarnos a visitar tres exemplares, que se diferencian do resto por ter unha decoración menos frecuente có resto da comarca. O primeiro é coñecido como Cruceiro de Triabá na parroquia de Pedecanai, datado de 1843, que presenta fuste cuadrangular con resaltes, logo octogonal cunha figura de serpe enrolada no mesmo e capitel con volutas. O segundo é o Cruceiro de Faxil, en Agudelo ca peculiaridade de que a Virxe aparece erguida apoiando un pé sobre a cabeza dun anxelote. Por último neste concello atopamos o Cruceiro de Lardoeira tamén en Agudelo, no cal a Virxe aparece representada cun puñal cravado no corazón. Ponte Caldelas Dirixíndonos cara Ponte Caldelas podemos visitar o Calvario da Igrexa de Barbudo. Trátase dun dos calvarios máis fermosos de Galicia, ademais de ser un dos poucos que está totalmente integrado por tres cruceiros, representando unha escena completa. O calvario está situado no adro da igrexa de Barbudo sendo construído a finais do século XIX. No cruceiro central está representada a crucifixión de Cristo cun anxo recollendo nunha copa o sangue do seu costado. No cruceiro da esquerda está a crucifixión de Dimas, o bo ladrón, e no cruceiro da esquerda Xiestas, o mal ladrón. Este cruceiro ten a particularidade de ter a imaxe do mal en forma de dragón, situada no propio cruceiro en lugar de enroscada ao redor da columna como é habitual. Outra das xoias deste concello é o Vía Crucis e Cruceiro do Casteliño. Xunto coa Capela do Sagrado Corazón de Xesús forman un conxunto arquitectónico de grande beleza, situado no entorno paisaxístico privilexiado do Monte do Casteliño. O Vía Crucis consta de catorce estacións colocadas en intervalos regulares, agás a primeira e a segunda. Na duodécima estación érguese un pequeno calvario e na derradeira estación está o cruceiro do Casteliño, onde aparece unha representación de Cristo crucificado como única imaxe construído no século XX, mentres que o resto do conxunto é de mediados de século XIX. Por último, en Vilaboa, na parroquia de San Adrián de Cobres atopamos o Cruceiro Alto de Santadrán. Este cruceiro sitúase ó pé do camiño real que unía Tui con Cangas pola costa. Pertence ó século XVII e o seu capitel imita o estilo clásico: a cruz, sen figuras, é latina, de sección cúbica e arestas molduradas, con fuste de granito de oito caras.Tanto pola gran variedade, coma pola singularidade destes elementos etnográficos, a comarca de Pontevedra ofrece un lugar de obrigada visita para os amantes deste arte popular galega.