NA ÚLTIMA | O |

08 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

TEÑO UN AMIGO que conserva unha machada de pedra na casa que recolleu directamente do chan, non moi lonxe dun conxunto de petroglifos e os restos dalgún castro. O instrumento presenta síntomas evidentes de que foi manipulado para conseguir que unha parte estea afiada. A ferramenta é moi rudimentaria, sen pulir, simplemente tallada en pedra. O saqueo arqueolóxico produciuse hai xa uns viente ou trinta anos, sen que o autor tivera entón maior consciencia de que estaba facendo algo malo. Máis ben ao contrario. A acción tivo algo de ánimo por preservar un cacho de historia ameazado, consciende como era de que o espazo non gozaba da protección adecuada ou conservación algunha. Agora, pasados os anos, dalle vergonza devolver a pedra. Tampouco lle faltan argumentos para explicar que, seguramente, o resto está máis a salvo na súa casa que no seu espazo natural. Hai un ano invitoume a ver un asentamento, moi cerca da illa de Toralla, nun outeiro que se ergue alí enfrente. Non se trata de ningún descubrimento persoal, coñeceu da súa existencia gracias a un libro, luxosamente editado coa colaboración de varias administracións. O acceso é complexo. A medida que a cima vai quedando máis cerca dun, o número de pedras amontoadas multiplícase. Son os restos do castro. Ao final, pódese contemplar a silueta circular dunha construcción, case intacta. Salvo porque hai un muro dunha finca, con casa incluida a uns metros, que cruza xusto polo medio da edificación. Dez metros máis alá, fóra do terreo particular hai unha roca vaciada que, segundo o libro consultado, servía como pila de sacrificios. Alguén se encargou de inscribir alí os seu nome e outros textos sen maior importancia, senón fora porque arruinan un legado de séculos. Algo así como darlle un machetazo á historia por matar uns minutos de aburrimento.