Semper eadem

PONTEVEDRA

DENDE A VENTÁ | O |

01 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

UN DOS LEMAS medievais da Igrexa Católico Romana era o de Semper eadem, Sempre a mesma. E se me permiten facer unha comparativa, alonxándonos do terreo doutrinal romano á vida política local, semella que moita da actividade dos nosos políticos tamén se rexe polo Semper eadem. ¿Por que digo isto? Pois moi fácil. Levo uns cantos anos nesta profesión xornalística, non moitos, pero algún que outro, e semella que hai temas que, mirémolos como os miremos seguen igual. E daí non pasan. ¿Exemplos? O máis recente está no auditorio de Marín, que si no porto, que si no parque Eguren, que si, en fin, ¿poderían poñerse todos dacordo dunha vez e FACELO? ¿E que imos dicir do noso tan cacareado plan de urbanismo? Señores políticos, Marín precisa dun plan urxentemente. ¿Pero é que lles parece normal que unha vila destas dimensións se teña que conducir por unhas normas de 1978, que ían a ter una vida únicamente de dous anos como moito? Os ingleses dicían que Spain is different. Creo que xa podemos dicir Marín is different. Non coñezo outro exemplo no mundo en que dous anos poidan durar 28. E así podería multiplicar os exemplos. Podería tamén facer referencias a Pontevedra, ou a outras vilas próximas, pero é que son de Marín e non podo ocultalo. Ainda así, non sería difícil buscar exemplos desta liña municipal de Sempre igual. ¿Ulo paseo marítimo de Bueu? ¿Ulo tramo pontevedrés da variante de Marín? ¿Ula circunvalación de Pontevedra? Durante varias semanas estarei de baixa por razóns de saúde. Xa non é a primeira vez. Pero a verdade é que teño a miñas dúbidas de que vaia a cambiar algo nun mes. Moito me temo de que seguirei escoitando aos políticos, tanto locais como da Xunta, botándose os trastos uns aos outros, mentres os temas seguen parados. Tristemente, sempre igual.