NA ÚLTIMA | O |
05 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.HAI AUTÉNTICOS especialistas en desmontar ilusións. Son eses que se poden aparecer en forma de compañeiro de cine empeñado en atopar todos os fallos do guión polos que colar un reproche. Xeralmente conseguen arruinar o que ía ser unha hora e media de tranquilidade e convertila nun suplicio. Sen embargo, estes últimos non son dos peores, pois o seu comportamento é totalmente predecible. Abonda con non invitalos á próxima sesión. O verdadeiramente problemático son os elementos incontrolados, capaces de estropear un día cun xesto feo, unha mala contestación ou espallando de calquera outro xeito a súa mala educación. Estes merecen o maior dos reproches se fan coincidir a súa xenreira coa vida nun día especial, como, por exemplo, o de onte. As cabalgatas dos Reis deparan case sempre imaxes curiosas. Aínda está por explicar por que os caramelos que se tiran dende as carrozas son tan demandados. As esceas con señoras case rodando polo chan, en disputa polos doces con cativos aos que dobran en altura e triplican en peso, son máis que habituais. A gratuidade do producto non é suficiente para xustificar a actitude. É certo que moitas das degustacións gratuitas de productos típicos parecen máis un programa de axuda da ONU que un espazo para o encontro e o divertimento. Con todo, as riñas en feiras do cocido e sardiñadas gratuitas non soen pasar de empurróns discretos para facerse cunha ración xenerosa. Pero, volveno aos cramelos, estes teñen xa un prezo que non compensa nin o esforzo de tirarse por detrás deles. Por outra parte, os doces ofrécense de xeito gratuito nos mostradores das farmacias, dos hoteis e de moitas tendas, sen que por eso os clientes se pelexen por apañalos. Máis ben sucede o contrario, hai un certo pudor por meter a man nos cestos donde se ofrecen. Pero toda esa contención explota despois no día menos indicado do ano.