DENDE A VENTÁ | O |
30 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O MORRAZO é unha comarca rica en achádegos preshitóricos. Os restos do pasado máis remoto atópanse espallados polos montes de Marín, Bueu, Cangas, Moaña e Vilaboa. Alomenos tres das vilas principais teñen a súa orixe en antigas fundacións latinas. As anclas romanas que custodia o museo de Pontevedra proceden do norte desta comarca. As colección epigráficas do cambio de era en Galicia enriquecéronse co descubrimento no Facho de Donón dun santuario relixioso de nota. Fornos de ánforas e milleiros de anacos da vella industria da salazón atopáronse en Bueu. Investigacións lentas, ás máis delas de urxencia ou por pura chorra. Non hai unha pesquisa a conciencia dos restos preshitóricos, romanos ou castrexos. Pero todo O Morrazo está cheo deles. Agora tres concellos tentan adecentar vinte das mámoas dos nosos montes cun roteiro de sendeirismo. Benvida sexa a iniciativa, pero por favor, non se queden aí señores políticos, e fagan algo máis. Iniciativas coma esta do Proder e as mámoas están moi ben. Excavacións coma a do Facho poñen a Cangas no mapa da arqueoloxía galega. Pero, ¿que pasa con todos eses xacementos que tamén se sabe que existen, pero que as Administracións esquecen? Fagan cumplir as leis de patrimonio, que para algo as aprobaron, e en todos os casos e non só nalgúns. Onde esté regulado que haxa unha prospección previa antes de que un promotor edifique ex novo, aproveiten a oportunidade e non fagan que se perda un anaco máis da nosa historia. Señores concelleiros e alcaldes, Marín lamenta aínda hoxendía a perda do priorato, Bueu ten restos romanos convertidos en estercoleiros, e algunha das mámoas do monte semellan máis cuartos de baño que monumentos. Proxectos coma o roteiro están ben, pero despois hai que concienciar e protexer, e iso non só depende dos veciños, senón tamén das institucións: Xunta e Concellos.