A voltas coas identidades

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

26 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NON, non vou volver con iso da identidade provincial que tanta graza me fixo cando foi exposto, hai unha semana. Con todo, as identidades ás que me refiro no título son tan virtuais e intanxibles coma a que quere promover a Deputación, e cústame case tanto apegarme a elas tanto nun coma no outro caso. Por unha cousa ou por outra, durante os menos de dez anos que levo navegando por Internet fíxenme pasar por media ducia de personaxes. A primeira vez que me creei un correo, no meu primeiro ano de carreira, púxenme o nome dun guitarrista que daquela me gustaba moito. Non é que agora deixase de terme graza: é que descubrín que, contrariamente ao que pensaba daquela, el non interpreta as partes das cancións das que eu estaba prendado. En fin, que agora sigo atendéndolle algunha vez a ese enderezo, que basicamente recolle promocións e timos variados e un boletín de cultura do Concello de Ribadeo que non sei por que me empezaron a enviar. Despois descubrín que o tal guitarrista deixara prendado a máis dun internauta, porque cando quixen suscribirme a xornais ou facer outras contas de correo, o seu nome estaba sempre ocupado. Así que fun argallando variacións sobre o apelativo do tipo, poñéndolle o apelido diante do nome, intercalando o apodo, engadíndolle a miña data de nacemento. A conclusión foi que, entre iso e máis que procuro non repetir os contrasinais, non me acordo da metade das miñas identidades. Agora ando facéndome pasar por un tipo con apelido chinés. Eu pensei que todo isto era unha estupidez, pero comentoume un amigo que el asina todo o que pasa pola súa pantalla con nomes de árbitros de fútbol internacionais. Que xa son ganas de romperse a cabeza.