¡ARRE HO! | O |
17 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ESE INFATIGABLE cazador de tendencias que é o meu compañeiro de columna móstrame un anuncio nun xornal no que se apunta a última moda no que a confección de cabaleiros se refire. Os modelos, todos terriblemente atléticos e con torsos cincelados e ben untados en aceite, locen os pantalóns caídos ata o punto de que se lles pode ver sen problemas o arranque do pelo público. Ben, para ser sinceros, a definición anatómica que ambos os dous consensuamos non é exactamente esa de «pelo púbico», pero en fin, manteñamos as formas. O caso é que o anuncio vén sendo dunha marca de roupa de moito fuste e predicamento, o que anuncia que o novo estilo se vai estender ben pronto. E todo isto, este último bandazo da industria, indo ao práctico, vennos fatal ás fashion victims coma servidor. Hai nada, metéronnos polos ollos os calzoncillos visibles, eses que se levan por encima da cintura do pantalón. E ala, aló imos todos aos centros comerciais a surtirnos de cirolas de manga larga, que diría o meu pai, moito máis asisado ca min nisto da moda. Todo para nada, porque o dentro duns meses, aos que leven -levemos- tal indumentaria poñerannos a pingar, e tacharannos de gañáns retrógrados e -non, por favor- mal vestidos. Así que outra vez os modistos, que son os reis do perecedeiro, nos fixeron a puñeta. Tanto cambiar de liñas, tanto deseño neoiorquino, tanta tecnoloxía á última, tanta promesa de autoestima en versión téxtil e, ao final, o que se nos acaba pedindo é que esquezamos as normas mínimas de decencia e de hixiene, que deixemos os gayumbos de 18 euros a peza na caixa da roupa interior e nos botemos ás rúas sen eles, a escape libre. O peor é que seguro que o facemos. E en pleno inverno.