Números

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

30 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

«TODO empezou por un número equivocado, o teléfono tocou tres veces en metade da noite e a voz ao outro lado preguntou por alguén que non era el». Así empeza Cidade de cristal, de Paul Auster. É, creo eu, un dos arranques más fermosos da historia da literatura, porque, nunha soa frase, abre moitas preguntas que só se resolven -máis ou menos- se un segue coa narración. Ademais, o da chamada a un número que non é o que se espera é algo ben inquietante. Ás veces, neste lugar desde o que escribo, inzado de teléfonos que nalgúns momentos do día soan sen parar, pasan cousas parecidas. En ocasións, tentando enterarse de algo que considera interesante para contar, un chama xustamente á persoa que non desexa, esa que che garantiza que o tema sairá publicado en todos os xornais da competencia ao día seguinte. Onte mesmo chegou ao fax da oficina a carta de matriculación que un concesionario de automóbiles lle enviaba a un veciño de Marín. O pobre estará trinando contra os do taller, que ao mellor só se trabucaron un díxito. Alguén me ten contado que chamou a unha amiga para quedar para tomar unhas cañas desde o teléfono dun compañeiro de traballo, e polo terminal sooulle unha voz rouca e divertida que lle dixo: «Non son Marina. Son Xosé Manuel Beiras». É verídico, pero non me crean se non queren. De todos modos, a máis fermosa das equivocacións telefónicas que coñezo foi a que lle pasou a miña irmá, cando aínda era unha nena pequena. Chamou á casa dos avós, e estivo falando uns dez minutos de como lle fora esa mañá na escola, de que pola tarde ía pasar por alí, do que lle terían preparado para merendar e de todas esas cousas. Antes de colgar, dixo. -Vale, adeus, abuelo. A voz ao outro lado do aparato contestoulle: -Ala, adeus, Paula, bonita. A miña irmá chámase Lucía. martino.suarez@lavoz.com