NA ÚLTIMA | O |
19 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.ÁS VECES todo se decide por milímetros ou segundos. Un incidente en Shaghai hai uns setenta anos puido motivar que esta columna nunca aparecera firmada con este nome. Un disparo, despois dunha liorta entre mariñeiros, só rozou a meixela dalguén sen o que sería imposible a liña de descendencia da que procedo. Quizais por aquel incidente, ou porque tras moitos anos embarcado tivera tempo de ver boa parte do lonxano Oriente, a aquel home quedoulle para sempre a teima de que os chinos eran un perigo en potencia. Non se refería a posibles altercados no trato persoal con cada un deles, senón na súa forza como nación, unha vez que espertaran do suposto soño no que andaban metidos. Non lle faltaba razón. Agora os peiraos de Shanghai probablemente teñan xa engulido o bar donde tivo lugar aquela liorta. Alí levántase un asteleiro no que traballan setenta mil persoas, case o equivalente a toda a poboación de Pontevedra. En China as cousas fanse dende hai anos con proporcións xigantescas, incluído un suposto programa espacial do que non se coñece moito. Polo visto os americanos temen que os chinos se lles adianten na viaxe que planean de retorno á Lúa. Ata o de agora só pelexaban pola Lúa os tolos. Ou os namorados, deses que, por conquistar unha rapaza, acaban por apañar un tiro ao outro lado do mundo.