¡ARRE HO! | O |
16 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.COÑEZO ben a esa clase de persoas que en canto se lles menciona a palabra «carbohidratos» empezan a suar coma se acabasen de ver o lobo. Acórdome delas cando vexo esa enxurrada de anuncios de produtos adelgazantes, xelados baixos en graxas, retorneadores de abdominais e demáis louvanzas da vida descremada. Asústame tanta mensaxe xa non tan subliminal: na pantalla á xente tápaselle a barriga cun efecto de desenfoque, o mesmo truco que se emprega para tapar as imaxes de pedofilia. Porque gastar panza é case pornográfico, e non falta quen nolo recorde seguido. Así que me permitirán que lles diga que me pegan a risa todos eses debates, reportaxes e documentais de mala conciencia que logo botan pola tele sobre a anorexia e demais males da modernidade. Porque, en maior ou menor medida, case todo o mundo anda preocupado polo tema, aínda que só sexa para perder un par de minutos cada mañá, ante o espello, palpándose as chichas con xesto de desagrado. E eses minutiños de angustia ben se poderían investir en, eu que sei, estar un cachiño máis con quen nos quere ben, con eses aos que lles gustamos independentemente do noso peso e nunca, nunca, nos desenfocarán as lorzas, porque tamén as aprezan.