¡ARRE HO! | O |
18 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.SOÑAN cun verán sen fin coma os que describía Brian Wilson, remollados nas ondas do mar durante tardes enteiras, torrándose na praia sen máis responsabilidade que a de xogar á baralla ou lendo novelas baratas ata que a luz se vaia, esperando a que se poña o sol por detrás da illa de Ons, esperando a que a escuridade dea o disparo de saída a unha noite de risas etílicas e confidencias medio disfrazadas. Pensan en viaxes exóticas, en visitas a países máis alá da liña do horizonte, onde as árbores chegan a tocar a beira da auga, onde, escondido entre a vexetación, sempre hai un chiringuito case vacío no que se cociñan grandes langostas a dez dólares a peza e se preparan as mellores caipirinhas de toda a volta. Recordan felices atascos nas vías rápidas, escoitando a música dos Barracudas rebentando os altavoces do coche, pendentes só de consultar no mapa cal será a próxima parada dunha ruta sen predeterminar. Pero logo baixan á terra, e o verán rematou de vez, e xa non hai máis solpores, nin máis festas, nin máis deixarse ir, e os atascos, as noites, os países afastados, xa non son máis que un incordio para seguir adiante. Así que, coma Brian Wilson, o único que queren é quedar na cama todo o día, arroupados e, a poder ser, sen pensar.