¡ARRE HO! | O |
06 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.SON vostedes malos, moi malos, malísimos. Coma carne de pescozo, que diría o meu avó. Durante todo o ano teño que pelexar cos seus coches, coas súas furgonetas, cos seus monovolumes, para atopar unha mínima praza de aparcamento. ¿E agora que? ¡Que un ten os seus sentimentos! Agora un chega a Pontevedra e atopa sitios coma para chantar neles un tráiler, en todas partes, ao lado do río, nas avenidas, polas traseiras dos edificios... ¿Onde demo van todos vostedes, eh? Mentres estaciono non poido evitar velos dándolle ao pai-pai en Sanxenxo, ou en Valencia, ou en Tombuctú, que para o caso dáme igual. O asunto é que vostedes non están aquí, e eu, sen embargo, si. E iso que tanto me fastidia en inverno, ter que furar por media vila para atopar un oco libre na beira dunha rúa, agora é tan fácil que resulta frustrante. Si señor, son vostedes uns traidores, lárganse por aí deixando a cidade sen ese caos que agora mesmo, mentres me torro e súo na oficina, me parece tan atractivo. Así que xa saben o que os espera dentro dun par de semanas, cando servidor saia por patas do traballo rumbo a calquera praia. Si, queridos conveciños, xa verán como cando me vaia de vacacións vou aprender de vostedes e da súa solidariedade.