¡ARRE HO! | O |
30 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.UN SOLPOR perfecto no cabo Udra como metáfora do que ocorre neste país: despois dun par de horas de espera, co cu sentado nunha pena, a chaqueta abotonada ata o pescozo e as gafas escuras cravadas no horizonte, a claridade pérdese no océano como se perde o rastro de miles de mozos que cada ano teñen que atravesar o Atlántico para ir traballar a Canarias, o astro esváese ao lonxe como se esvae o rastro da verdade a pouco que un se despiste, o lume desaparece detrás de Ons como desaparecen en papadelas e en mausoleos culturais os fondos que Europa nos dá para que nos modernicemos, a luz silénciase como se silencian as protestas contra as inmorais condicións laborais que se viven na televisión pública -ah, ¿vostedes tampouco sabían que na TVG hai unha folga?-, a auga engole o día como se engolen as esperanzas de miles de cidadáns en forma de racións de empanada «de dúas clases», e, finalmente, o sol afúndese no mar a velocidade de vertixe como se afunden en ninguna parte ducias de iniciativas, de pequenas empresas, de propostas, de discursos que non contan coa anuencia da oficialidade, ese ente. O Fin do Mundo, tan fermoso, tan ferinte, tan inquietante.