Desenlace

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

04 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

CÓNTANME varias persoas que hai quen está trinando porque con todo este cirio da morte do Papa non hai quen vexa a televisión, agora que empezou a segunda edición do glorioso La casa de tu vida. Eu dígolles, e perdóenme a irreverencia, que non estaría nada mal un programa deses de vinte e catro horas no que instalasen cámaras en todos os rincóns do Vaticano para ver como escollen nos próximos días o sucesor de Juan Pablo II, con debates en directo, moderados polo tamén inefable Jordi González, nos que se comenten as manobras, os cálculos, os pactos, os acordos, os cerimoniais e as vicisitudes vitais de cento e pico cardenais encerrados todos xuntos, na flor da súa vida -eclesiástica, quero dicir-, durante varias xornadas de agotador traballo. Supoño que a moitos lles parecerá ofensivo e blasfemo o que acabo de escribir, pero non é que lle queira eu quitar trascendencia a un feito coma o que leva traendo de cabeza a medio mundo durante toda a fin de semana e que, por outra parte, afecta, preocupa e enche de tristeza a moitas persoas. Simplemente resulta que o resto do proceso xa o vivín en directo nas últimas semanas. E non quixera perderme o desenlace, agora que estou enganchado á emisión.