¡ARRE HO! | O |
01 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.NUN PAR de días de marasmo estomacal descubrín as enormes capacidades analxésicas da televisión lixo. En pouco máis de 50 horas pasei de ignorante total a auténtico especialista na condición humana: vin a musa do pobo rascar as partes ante unha cámara de televisión, segundo algúns porque lle picaban, e segundo outros, máis enterados, porque está farta do acoso dos -glubs- xornalistas; seguín un encendido debate acerca de se un ex alcalde pufeiro ten potestade ou non para chamar ao xefe da policía local para sacarlle de encima os -reglubs- «chicos de la prensa», unha discusión na que rematei entendendo que si, sempre que a chamada pase pola centralita dos munipas, coma as do resto dos mortais; comprobei que os mitos dos oitenta -Jiménez del Oso, Wojtila, Rainiero de Mónaco, Joaquín Luqui- caen coma moscas, o que lle fai a un sentirse condenadamente vello, prematuramente, espero; e contemplei, entre calambrazo e calambrazo, o inicio esperanzador dun programa de telerrealidade no que se nos porá a proba aos cidadáns: ¿estamos neste país preparados para mirar sen recelos os matrimonios interraciais?; ¿é decente unha relación sentimental vía internet?; ¿seremos capaces de aceptar que un gai se namore dunha heterosexual? A min, sinceramente, tanto me dá o mesmo coma o mesmo me dá.