Non-mundo

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

05 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ONTE caeu nas miñas mans un libro de fotografías de Pedro Brey, o catálogo da exposición A parroquia retratada. Brey era un home de boa familia, nacido en Oca, na Estrada, a finais do século XIX, ao que lle deu por deixar constancia en branco e negro da xente do lugar no que viviu. Trátase de imaxes da Galicia rural de principios do XX, nas que se mesturan traballadores do campo de mans enormes e xesto adusto e señoritos posando nos seus salóns, coa mirada perdida e soñadora de quen ten a vida garantizada. Só fai falta fixarse na data de realización das fotos, no primeiro terzo da centuria, para pegar un respingo: os personaxes veñen ser os nosos avós, como moito os nosos bisavós, conxelados nun tempo no que nacer arriba ou abaixo da escaleira marcaba de por vida a existencia. Onte escribía que Pontevedra é unha cidade que me gusta máis polo que pode ser que polo que é, porque é un territorio, se nos poñemos aristotélicos, máis en potencia que en acto. Despois de ver estas fotos dáme por pensar que Galicia vén sendo tamén así: en menos de cen anos fomos capaces de pasar de vivir un non-mundo desigual e terrible coma o que retrata Brey a facelo nun paisiño de Segunda B. Ao mellor non é o que queremos, pero podería ter sido peor, ¿non?