¡ARRE HO! | O |
05 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.CONFESO que non son demasiado antroideiro. Mellor dito, non son antroideiro en absoluto. Mentres o planeta se dedica a saír á rúa enfundado en vestidos tirando a ridículos, servidor encérrase a masticar o seu mal humor. Recordo unha moi boa que me pasou en Xinzo: conducín hora e pico ata alá para ver o tanto mérito que lle dan a esta festa na zona, e, segundo baixei do coche, un criminal vestido con funda de mecánico e careta de Freddy Kruger -ese si é un traxe clásico, e non o de cigarrón- baleiroume por encima un quilo enteiro de fariña de trigo. Agarrei tal cabreo que me faltou tempo para sacudirme como puiden, sentar de novo ao volante e pegar volta para a casa. E que conste que sei que o problema é meu, non do resto do mundo. Supoño que os que temos tendencia a disfrazar o noso estado de ánimo durante todo o ano sentímonos un pouco superados con todo este repentino derroche de cachondeo que lle entra á xente nos días previos á coresma. Algo diso haberá. Pero párense a pensalo e díganme se non están de acordo comigo en que historietas como as chirigotas de Cádiz son o máis parecido á tortura psicolóxica que polo visto practica o Mossad. Se me necesitan, estarei na casa con tapóns nas orellas.