Que forte, que forte...

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

03 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

SEMPRE que volvo dunhas vacacións, por pequenas que sexan, éntrame unha pereza do quince, e propóñome cambiar de traballo para poder folgar sen cuartel e, ao tempo, forrar ben a miña sempre maltreita carteira. Agora deume por pensar canto mellor non me iría se eu fose unha versión galaica de Jorge Javier Vázquez, o de Aquí hay tomate. Así que imos aló: antonte fun comprar mobles baratos á periferia de Madrid, á nave dunha coñecida multinacional sueca. E resulta que, mentres remexía entre un montón de alfombras de baño, vin ao meu lado a Victoria Beckham, a mesmiña Posh Spice, consultando a carta do restaurante do centro comercial coa axuda dun gorila de dous por dous metros e dunha intérprete, e acompañada polo seu fillo Romeo -confeso que lle sei o nome porque o puña a camiseta do Real Madrid que o rapaz levaba posta-. Arredor dela apareceron ao instante ducias de teléfonos móviles con cámara de fotos, dispostos a inmortalizar o momento, e un coro de preguntas, pronunciadas todas a berros: ¿Que facía alí unha tipa con tanta pasta? ¿A que andaba, na meca da lámpada a 8,95, unha paisana que lle regalou un diamante a cada un dos convidados ao bautismo dun dos seus nenos? ¿Págalle a multinacional escandinava por pasear entre os seus estantes? ¿Querería simplemente mezclarse co vulgo, e ver cos seus propios ollos, ela que podería pedir que lle puxesen un avión a Tiffany's, como o resto dos mortais nolas desexamos para amoblar a casa e seguir comendo tres veces ao día? ¿Ou será certo aquelo que dicía Carmen Sevilla de que «durillo a durillo se hace el milloncillo»? Que forte, que forte, que forte...