NA ÚLTIMA | O |

25 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A ÚLTIMA vez que caeu neve en Pontevedra había dez meses que mataran a Olof Palme, o primeiro ministro sueco asasinado a tiros o 28 de febreiro de 1986, cando saía do cine coa súa muller. No Nadal que abría o paso a 1987 nevou ao nivel do mar nas Rías Baixas e Suecia viviu un dos invernos máis fríos en dous séculos, con temperaturas rondando os trinta grados baixo cero, e cos xardíns das casas con máis de dous metros de neve acumulados nas súas entradas. Durante aquel Nadal, as familias suecas recordaron en moitas sobremesas o asasinato do primeiro ministro que lograra, coa súa vocación universalista, unha grande estima en todo o mundo. Foi como o inicio dunha terapia colectiva que aínda dura, revivida pola poboación hai pouco máis dun ano co asasinato de Anna Lindh, a ministra de Exteriores do Goberno sueco que foi apuñalada nuns grandes almacéns. O ano que ven cumpliranse vinte anos do suceso que conxelou a confianza dun país orgulloso de que o seu primeiro ministro camiñara sen escolta do brazo da súa muller polo centro da capital. Dentro de cinco anos máis, vintecinco despois do asasinato de Palme, o delicto prescribirá. A frialdade do asasino, aínda libre, quizais o leve entón a confesar.