¡ARRE HO! MARTIÑO SUÁREZ | O |
27 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.CONFESO que unha das cousas das que me estou arrepentindo ultimamente é de non terme confirmado na fe católica, e explícome: eu estaba moi orgulloso de non ter bicado o anel de Gea Escolano, o bispo que me toca por nacemento, que cada un ten os defectos que ten; digo eu que debían ser os pecados dunha inmadurez de irrelixiosidade furibunda, porque agora, vendo as burradas que é capaz de dicir o paisano sen que se lle caia da cabeza a mitra, case que me dan ganas de abrazalo e sacalo a ombros pola porta da catedral de Mondoñedo. Hai poucas persoas que poidan expulsar pola boca as cousas que el di sobre os homosexuais, o crime e o asasinato -pasóuselle a estafa fiscal, á que tan afeccionado era o ecónomo da catedral de Valladolid- sen morrer de vergoña. Non sei, ocórrenseme, por exemplo, Benny Hill, Arévalo, Juanjo de Gran Hermano e ese europarlamentario con nome de actor porno e apelido Buttiglione. O mellor de todo é que Gea -e ao mellor o Buttiglione tamén- cre firmemente no que di, ou iso teño entendido, que vaia vostede saber. E déixoos xa, que estou vendo pola tele a vixésima reposición de O nadal de mr. Bean. A ver se atopo algún sinal divino...