NA ÚLTIMA | O |
14 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.UNHA DAS estampas máis fermosas das Rías Baixas pódese ver nas noites de lúa chea sobre a ensenada de San Simón. O reflexo da luz cruza a ría de Vigo dende Redondela ata Vilaboa só interrumpida pola illa que foi cárcere, e que agora é un centro cultural. Unhas horas antes de que a natureza regale esa imaxe, uns kilómetros ao oeste, outro espectáculo rivaliza en fermosura co de San Simón. A posta de sol entre as illas Cíes pódese ver dende a península do Morrazo como un espectáculo incrible. Máis alá de afeccionados furtivos que disfrutan case a escondidas de regalos como estes, os recursos parecen claramente pouco valorados. Na praia sueca de Tylösand, frente ao estreito de Kategat, nun espazo moi similar á Lanzada, aínda que cun mar moito menos bravo, xúntanse cada atardecer centos de persoas sentadas sobre unhas pedras co único propósito de contemplar a posta de sol. Hai familias enteiras, almas solitarias e por suposto parellas de namorados. Cando o sol se esconde, a maioría marchan en silencio para as súas casas. O disfrute colectivo queda, sen embargo, en algo completamente ridículo ao lado dunha illa perdida no Mediterráneo, na que unha aldea se xunta cada tarde na costa para aplaudir cando o sol se esconde.