Andar niso

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

15 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

A LIÑA de Internet que teño na casa non permite que me chamen ao teléfono mentres a utilizo. Non é que teña demasiadas chamadas, e moito menos ao fixo. Supoño que ninguén as recibe xa. Uns amigos e máis eu falabamos onte do ridículo que se sente un cando esquece o móbil na casa, ou cando queda sen batería, e preguntabámonos como demos nos amañábamos hai uns anos para quedar para tomar uns cacharros, ou para conseguir os resultados da Primeira Rexional nunha tarde de domingo. Faciamos o que podiamos e non nos ía tan mal, pero non creo que ninguén queira volver a aqueles tempos. O mesmo pasa coa Rede: algúns, moitos, non saberiamos traballar, pasar o tempo ou relacionarnos sen botarlle man ao ordenador, por moito que a práctica sexa algo terriblemente recente. Sen embargo, hai xente que segue vivindo de costas á tecnoloxía, e faino sen problema ningún. A miña avoa, para quen iso de Internet é algo así como unha nebulosa na que se mesturan pornografía infantil, estafas millonarias, matrimonios de curta duración e virus infecciosos, chámame ás veces a ese teléfono fixo que, invariablemente, está comunicando. Cando lle digo que andaba navegando, ela sempre me contesta: «Érache mellor non andar tanto niso».