¡ARRE HO! | O |
12 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.HAI dous anos, na costa galega andabamos ata as cachas de fuel e máis cabreados que nunca, aínda que xa se ve que serviu para o xusto. Os medios recórdano estes días con análises de como están as cousas despois de setecentos e pico días de traballo de rexeneración medioambiental, cada un á súa maneira, como supoño que corresponde. Non digo eu que non se fixesen cousas, só fastidiaría que non fose así despois de que nos días clave da crise os responsables de paliala estivesen escondidos, cazando ou con diarrea, sabe Deus. Ao que vou: xa sei que debería ser máis corporativista, pero hai titulares de prensa que doen. Xa seben, eses de que a produción marisqueira de Galicia mellorou despois do desastre do Prestige. Será que son moi retorcido, pero recordo que hai uns días La Voz publicou unha magnífica reportaxe na que se expuña como o paro aumentou de forma espantosa na Costa da Morte, así que as cousas non me cadran. Insisto, non digo eu que non sexa certo que agora teñamos máis ameixas e máis nécoras e máis percebes e que ademais estean máis ricos que nunca, pero dicilo desa maneira paréceme algo semellante a contar que a servidor lle dan unha somanta de paos un martes, tócalle a lotería o xoves e o venres está tan feliz porque, razonablemente, mellorou despois da paliza. Cóntenme outra.