Responsabilidade e polizóns

PONTEVEDRA

DENDE A VENTÁ | O |

08 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

TRES polizóns agardan, no porto de Marín, unha resposta a súa petición de asilo en España. A situación non deixaría de ser unha máis da crónica de sucesos, se non fose porque cada vez que hai polizóns, ábrense múltiples dificultades para todas as partes. A actual lexislación, e que me perdoe quen a ideou, soa a escurrir a responsabilidade do Estado no cidadán. Se un polizón chega a España, a consignataria debe correr co mantemento, custodia e no seu caso devolución ao seu país de orixe. Dacordo que se debería impedir que haxa polizóns e que se podería penalizar aos barcos se non toman medidas. Pero se hai polizóns -e habelos hailos pese as precaucións que tomen os capitáns para impedilo- ¿é lóxico que o Estado obrigue as compañías a facer unha tarefa de custodia que lle debera corresponder a el? Refírome a que se un porto é unha fronteira, ¿que pinta unha compañía privada facendo de gardapeiraos? E aínda máis, con tanto criminalizar as tripulacións, que ás máis das veces non saben nada, non é de estranar que capitáns sen conciencia arroxen á xente ó mar. E hai quen o fai.