Unha iniciativa veciñal permitiu a realización dos traballos

La Voz

PONTEVEDRA

Entre arqueólogos, peóns e voluntarios, catorce persoas traballan diariamene no castro de 9 a 14 horas e de 16 a 19 horas. Pertencen ao laboratorio para o patrimonio de Medio Ambiente e Paixase, centro adscrito ao CSIC polo Instituto de Estudios Galegos Pai Sarmiento. Traballan para a fundación Terma Termarum Castrolandín grazas a unha financiación do plan Leader, do Concello de Cuntis e dalgúns particulares. O proxecto de recuperación e posta en valor de Castrolandín xurdiu hai catro anos da man dunha iniciativa veciñal. Esta excavación é parte dun proxecto máis amplo de posta en valor, tanto do castro como do patrimonio cultural, sobre todo arqueolóxico, de Cuntis. O proxecto inclúe tamén a construcción e implantación dunha aula arqueolóxica, que estaría concertada por unha ruta de sendeirismo con Castrolandín. A aula servirá como unidade de apoio ás visitas no castro, como centro de recepción de visitantes, punto de información multimedia e centro de interpretación da historia da zona. Tamén se están levando a cabo actividades como a recuperación dos costumes populares asociados ao xacemento. Neste senso, destaca a celebración de obradoiros sobre cultura castrexa e a recuperación da noite de san Xoán no castro.