NA ÚLTIMA | O |
13 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.UN GAMBERRO destrozou esta fin de semana con certa gracia o título da autobiografía de Pablo Neruda. Foi nese punto da borracheira na que esta aínda non o é de todo, no momento en que as ocurrencias chegan en cascada ás mentes intelixentes, empuxadas pola confianza que dá o alcol para soltar as cousas só un pouco despois de pensalas, e cando o reflexo de reflexionar sobre o que se vai dicir xa se afogou na euforia. A favor do bebedor xogaba que lera máis que os seus contertulios, que non comprenderon o xogo verbal. Entre as súas lecturas figurara a autobiografía do poeta que está estes días de aniversario, a que Pablo Neruda titulou Confieso que he vivido. A broma espetou contra a ignoracia dos presentes e a borracheira esaxerada dos que podían entender a broma. «Confieso que he bebido», dixo antes de pegarlle o último grolo ao cubata. Despois colleu o coche e arrancou sen que ningún dos presentes fixera xesto de impedirllo. Foi a mesma noite na que doce rapaces da súa idade morreron nas carreteras. El salvouse, pero non estaría de máis que recordara outras palabaras que deixou Neruda: «Puedo escribir los versos más tristes esta noche».