Traducións

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

24 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA das carreiras para a que máis solicitudes se presentaron nestes días foi, como case sempre, a de tradución. Quen a escolle imaxínase, digo eu, visitando lugares exóticos ou non tanto, acompañando diplomáticos de alto rango, pasando dun idioma a outro conversas clave para o futuro do mundo, como fai Larry Hagman, alias J.R., para Henry Fonda en Fail Safe. Pois velaquí vai unha mostra do que os espera. Leo na páxina web da BBC que unha empresa de traducións fixo unha enquisa entre mil compañeiros de profesión, e que chegaron á conclusión de que a terceira palabra máis difícil de traducir é a xaponesa naa, que expresa acordo co que outra persoa está comentando. É dicir, algo moi parecido ao noso xaora de toda a vida. Na mesma lista, a segunda clasificada no escalafón de intraducibles é a palabra yiddish shilimazi, que vén significar algo así coma gafe, así que non é tan difícil. O problema vén quizá ao afrontar o reto de traducir a que, segundo o traballo en cuestión, é palabra más difícil de levar a outro idioma. Os tradutores din que é ilunga: polo visto, así é como lle chaman os falantes de tshi­luba, un idioma do Congo, a nada menos que un fulano que perdoa a primeira ofensa, aguanta a segunda e á terceira cabréase. Case nada.