Mostra etnográfica

Chelo Lago PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

DAVID FREIRE

Reportaxe | Homenaxe a Xaquín Lorenzo no Torrente Ballester O IES amosa cerca de catrocentas pezas recollidas por profesores, alumnos e amigos do centro, desde un carro do país ata instrumentos de diversos oficios e útiles das casas

11 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A primeira amósase no vestíbulo do centro escolar, e contén pezas máis grandes, como un carro do país, un arado de madeira o un alambique, xunto con outras coma sachos, podóns, gadañas, fouces, angazos e mesmo un marco estremeiro. O carro foi a última peza incorporada á mostra e ten súa historia, como comentou o director do centro, Xosé Ramón Couto, e vén de Campañó. Trátase do mesmo que aparece na película A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda, baseada en textos do escritor galego Manuel Rivas. A parte dedicada a utensilios da casa está no salón de actos e hai desde potes ata un penico e un curioso recipiente para lavativas. Por suposto, tamén filloeiras de todos os tipos, unha ola de bater a manteiga, gramalleiras, atizadores, foles, maseiras, mesmo unha máquina de encher chourizos. Como curiosidade, tamén se amosa uns cofres labrados -un con motivos do Quijote- feitos durante a Guerra Civil por un preso no lazareto da Illa de San Simón. Tamén hai balanzas, radios, voltímetros, prismáticos para a ópera, lentes, chisqueiros e un longo etcétera. E a tercerira parte da mostra, ubicada na biblioteca, dedícase aos oficios, cos utensilios e ferramentas dos carpinterios, canteiros, serradores, barbeiros, xastres e costureiras... Alí pódense ver curiosidades coma unhas angarellas de madeira moi antigas para levar os cadaleitos, xunto cos instrumentos dos capadores, os coitelos e o banco de matar o porco e toda sorte de mazos, martelos, machados, serróns, serras de todo tipo e ata unha pedra de afiar, xunto con ciceis, navallas de afeitar, ferro de pasar de carbón, figuríns, e máquinas de coser, de man e de pedal, verdadeiras reliquias. A mostra, que se completa con diversos paneis dos traballos de Xocas, estaba prevista ata o día 25, pero posiblemente quede aberta todo xuño, para que os rapaces doutros centros poidan visitala. Tamén poderán facelo as persoas interesadas.