Os modernos Atilas

PONTEVEDRA

DENDE A VENTÁ | O |

30 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

ATILA o huno pasou á historia coma un destructor da civilización e da estabilidade social. Chegou a dicirse de el, ou iso nos contaban cando estabamos na escola, que por onde o cabalo de Atila pasaba non a voltaba crecer a herba. E parece que ao famoso xefe dos hunos lle saen un fato de imitadores cada verán. Pero en troques de herba, destes modernos bárbaros poderíamos dicir que por onde pasan, non volta a crecer o bosque. ¿E por que digo isto? Porque xa está ben de ver una columna de fume -ou varias depende do caso- saíndo dos nosos montes cada vez que a chuvia nos da un respiro. En cuestión de poucas horas en Marín, Moaña e Sanxenxo o fogo arrasou case vinte hectáreas de bosque e monte raso. Hai quen, a pesares de todo, se atreve a xustificar o que non ten defensa. Total, a maior parte do que arde son eucaliptos, din. Pero isto volve a ser unha falsedade. ¿Que dereito ten ninguén a prenderlle lume a propiedade allea? ¿E que pasa co risco de que o lume se desboque e afecte a vivendas? Pastoriza non estaba tan lonxe do incendio de Marín desta semana. Así pois, enterremos dunha vez a Atila. Xa é hora.