NA ÚLTIMA | O |
27 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O PASADO venres, nada máis ler a noticia de que un inspector de Facenda ía ser xulgado por un xurado popular, un compañeiro da redacción vaticinou que lle sería moi difícil escapar a unha condena que el daba por segura. Acertou de cheo. Onte publicábase que apenas tardaron sete horas en acordar que o insprector era culpable. O individuo tratara de que un concesionario lle sobrevalorara un coche que lle quería colocar a cambio de facerlle logo unha rebaixa no importe dunha multa que el mesmo lle detectara nunha inspección anterior. Aquel vello lema que dicía que «Facenda somos todos» debeulle de pasar como un lóstrego pola memoria aos membros do xurado. De pronto, o sofremento de cada peseta que saiu do peto dos contribuintes reconvertidos en xuzgadores materializouse nunha vinganza, coa satisfacción engadida de estar amparada por fundamentos xurídicos. Parece que é difícil escapar dos Sambenitos que levan os oficios aos que a cada un lle toca desempeñar. Onte correspondelle a Carme Chaparro, a presentadora do telediario de Telecinco, falar de cómo ven as cousas os periodistas. Fíxoo dun xeito xenial, con toda unha declaración política, para a que lle bastou dicir que parte do seu traballo consiste en que non se lle noten as súas ideas.