NA ÚLTIMA | O |
26 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O CAMIÑO CELESTE que percorreu Xurxo Lobato en oitenta fotografías permite ver unha Galicia transparente. A que regalan días claros como os de onte, pero que só captan os ollos que os saben ver cun cariño especial. A exposición na que se recollen esas imaxes coidadas enche estes días o Café Moderno cunha luminosidade que fai imposible pensar que os espazos capturados desde o aire poidan convivir coa desfeita que lle causou o feísmo a esta terra. Despois de facer varias viaxes a Galicia en anos anteriores, nunha ocasión un estranxeiro preguntou cun punto de cinismo: «¿Cando se remata de construír este país?». O obxectivo de Lobato conseguiu esquivar ese ángulo de Galicia que compoñen as estradas levantandas, os cables da luz a colgar polo aire e os remendos arquitectónicos que colan ladrillos á vista no medio do patrimonio histórico. As imaxes da exposición conseguiron, aínda así, captar unha Galicia de constrastes sen ter que entrar na navallada do feísmo. Porque un país tamén se constrúe así. Imaxinando desde o aire un futuro mellor. Só fai falta velo con algo de optimismo. E invertir un pouco de mimo en cada disparo da cámara.