¡ARRE HO! | O |
22 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ESTAMOS en tempos de barreiras e de solucións drásticas e case nunca efectivas. En Kosovo, pese á presenza de miles de soldados da OTAN, a limpeza étnica é agora inversa, e os albaneses queiman as casas dos serbios, que antes tentaran expulsalos do territorio. Un político serbio di que o que quedou totalmente descartado é que as dúas poboacións poidan volver vivir xuntas outra vez: iso non é máis que lixo, di. Tampouco parece que en Oriente Próximo caiba na cabeza de ninguén que israelís e palestinos poidan convivir, ir comprar o pan ás mesmas tendas, pasear polos mesmos bulevares. Calquera cousa, menos unha boa, pode pasar na rexión, sospeitosamente esquecida polos próceres mundiais do antiterrorismo. Mentres, e perdóenme a esaxerada comparación e a frivolidade, no Vao, en Poio, algúns veciños parecen decididos a quitarse de diante aos xitanos, que levan alí medio século. Pola súa parte, a comunidade xitana, lastrada por séculos de illamento e de endogamia, tampouco pon demasiado da súa parte. Descoñezo que solución pode haber. Xa lles dixen que isto ía ser unicamente unha descrición, que é o máximo ao que poido aspirar.