El rododendro Xohana Torres

La Voz

PONTEVEDRA

X.C.G.

Praza da Ferrería A editorial Galaxia plantou onte un arbusto en homenaxe á escritora compostelá. Medio Ambiente regalou especies autóctonas no Día da Árbore

20 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Un rododendro branco recorda á escritora Xohana Torres nos xardíns das Palmeiras. Onte foi plantado a iniciativa da editorial Galaxia dentro da festa A primavera do libro para celebrar a nova etapa da colección Árbore de literatura infantil. Unha placa co nome da escritora colocarase máis adiante ao pé do arbusto. Xohana Torres é unha das primeiras autoras para nenos. O seu libro Polo mar van as sardiñas foi o primeiro dunha colección coeditada conxuntamente polas tres comunidades históricas, Galicia, Cataluña e País Vasco nos anos sesenta, cando pensar en literatura infantil en galego era un soño, como suliñou Neira Cruz, director de Árbore. O director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, falou da intención da editorial de facer cada 21 de marzo un acto similar ao celebrado en Pontevedra en outras vilas e cidades de Galicia, plantando distintas árbores adicadas aos autores. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Luis Bará, alabou a iniciativa e resaltou o papel da Boa Vila como «cidade dos libros e dos nenos». Tamén destacou o compromiso do Concello «coa terra, coa nosa identidade, coa cultura e a literatura galega». No primeiro aniversario da guerra do Iraque, denunciou «a destrucción e a barbarie» e tivo un recordo para as víctimas da masacre de Madrid e para a escritora Luisa Villalta, recentemente desaparecida. No acto estiveron presentes o presidente de Galaxia Xaime Isla Couto, quen por certo pintou a man alzada un retrato do director da Orquesta de Cámara Lira que puso a nota musical, xunto con escritores e ilustradores, coma Basilio Lourenzo, Xesús Rábade Paredes, Helena Villar Janeiro e Kiko da Silva, entre outros, xunto con Fausto Isorna, diseñador da colección Árbore. Antes de plantar o rododendro Xohana Torres, una rapaza de Cambados, Xulia Vidal Piñeiro, leu unhas palabras da autora homenaxeada en representación dos lectores. Logo, todos quiseron botar terra no burato da árbore, incluídos algúns nenos que se sumaron ao acto. Día da árbore Por outra parte, a delegación de Medio Ambiente repartíu onte distintas especies autóctonas na súa sede de Benito Corbal. Durante toda a mañán, distribuíronse cerdeiras, acivros, castiñeiros, vidueiros e carballos para celebrar o Día da Árbore que se conmemora hoxe. Tamén se repartiron globos, lapis e pegatinas coa fecha e a celebración xunto cun díptico sobre o bosque galego, a súa vexetación e a súa fauna.