¡ARRE HO! | O |
27 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.É CURIOSO ver como dous tipos tan distintos, pertencentes a dous mundos tan distantes, puideron crer na mesma cousa. Hoxe hai vintetrés anos que morreu Álvaro Cunqueiro, quizá o mellor escritor galego de sempre, fabulador prodixioso e xornalista atípico. As súas crónicas cobre o Camiño de Santiago podían empezar sen ningún tipo de problemas nunha rúa céntrica de Londres, seguir polo aire e acabar abrigándose nunha palloza. El dicía que as súas personaxes, precursoras do realismo máxico, aparecíanselle abrindo os caixóns do escritorio. Nalgunhas casas galegas, os únicos libros que hai son O Gaiteiro de Lugo e o seu volume de cociña. Nunha entrevista que proxectaban no Círculo de Bellas Artes de Madrid vin nel un tipo elusivo, un escapista atrapado nunha realidade que non o agradaba e á que se adaptou como puido. Cunqueiro está enterrado nun nicho a ras de chan no cemiterio vello de Mondoñedo, e no seu efitafio pide «mil primaveras máis para o galego». Pode parecer que Víctor F. Freixanes representa o contrario. O seu Triángulo inscrito na circunferencia é unha marabillosa recreación, barroca e idealizada, dunha Galicia exploradora e aventureira, dun país de navegantes que contribuíu ao descubrimento de novos mundos no século XVI. Nas súas clases universitarias -algúns maulas non as aproveitamos no seu día como deberamos- fala de liñas que transmiten datos a velocidades incomprensibles, de visitas á meiga de Pontevedra, de autores posmodernos norteamericanos e de cantares de cego. Onte, no seu discurso de acceso á Real Academia Galega, pediunos que deixemos de rosmar e que aproveitemos as nosas potencialidades para seguirmos sendo galegos nun planeta cada vez máis pequeno. Tomamos nota.