NA ÚLTIMA | O |
04 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.VOLVERON subir os tomates. Agora que segundo o último informe do BBVA o prezo da vivenda vai ir moderando a súa escalada, toca soltar cartos en ensaladas. Os datos do banco falan de que o mercado inmobiliario trasladará no 2004 ós que andan por aí buscando casa un incremento de entre o seis e o dez por cento con respecto ó que se paga no 2003. A metade máis ou menos do que viña subindo por ano ultimamente. Claro que comprar un piso en construcción non é como facer uns espagueti con salsa de tomate, por máis que parte da burbulla inmobiliaria se deba a que hai uns cantos que compran e venden casas como quen vai de merenda ó campo. No asunto do piso é difícil que cha dean con tomate. Exceptuando os mencionados especuladores, é unha compra que se fai só unha vez, despois dunha profunda reflexión e contando céntimo a céntimo ata o último que hai que abonar nesas hipotecas que vencen en idade de xubilación. Cos tomates é outra cousa. Porque tanto dá pagalos un día a 1,24 euros que ó seguinte a 1,48. Por iso están tan ben esas gafas que acaban de inventar para recuperar a memoria a través da proxección de imaxes subliminais. Imaxine un destello a próxima vez que pida un café que diga: «85 pesetas». Si, 50 céntimos dos de agora.