As bondades da colleita

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

15 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

CADA ano bébense en España uns trescentos millóns de litros de viño. A colleita para os que se fan en Galicia promete un ano especial gracias a que as uvas maduraron ata o seu punto mimadas pola choiva do comezo do verán e a calor do final. O viño que encherá as botellas galegas é aproximadamente un dez por cento de todo o do país, e daría case para uns dez litros por galego. Como non é cousa de tomalos todos ó mesmo tempo, un estudio publicado hai uns meses di que unha copa de albariño ó día reduce o colesterol, aumenta a esperanza de vida, axuda a controlar os desaxustes dixestivos e outros milagros similares. Sendo así, convén facerse con algún litro. Claro que nesto dos estudios os que aparecen un día acaban contradecindo ós que se publican ó día seguinte. Tampouco parece boa cousa rexirse por eles para investir en saúde futura. Un informe que fixeron nos Estados Unidos garantía que a comida rápida combinada en doses oportunas resultaba do máis nutritiva, outro feito en España falaba das bondades da cervexa e dicía que se podía tomar ata un litro ó día. Todo é cuestión de organizarse, pero de momento, e se hai que priorizar, haberá que brindar pola boa colleita de albariño.