Praza da Ferrería Os restaurantes La casa de las cinco puertas e La casona fixéronse cos galardóns do Concurso de Maridaxe Enogastronómica que premia a fiabilidade histórica dos menús
10 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O certame de maridaxe enogastronómica que valoraba a boa combinación de viños e comidas nos establecemnetos de hostalería pontevedreses durante a Feira Franca entregou onte os seus premios. O acto xuntou a xurado e gañadores arredor dunhas poucas mesas que, non podía ser menos, estaban ben servidas de toda clase de canapés e demais exquisiteces acompañadas de diversas modalidades de bo viño para ir combinando á perfección. Os premiados foron a viñoteca La casa de las cinco puertas, situada na avenida de Santa María, e La casona, que se tivo que conformar co segundo premio. Pero o importante era o símbolo, pois a diferencia entre quedar primeiro e segundo estaba nunhas caixas de viño. Non é que ese fose o único agasallo, senón que o resto dos detalles entregáronse por igual ós dous establecementos: diplomiña acreditativo e xantar de honra para oito persoas na adega Vía Romana -empresa da Ribeira Sacra coorganizadora do concurso xunto a unha revista galega de hostalería e turismo-. Así, o establecemento das moitas portas quedouse con oito caixas de viño Vía Romana mentres o local de moito espacio ficará só con catro, para que poidan ir casando ese viño con diversos manxares e o Ribeira Sacra conquiste os padais pontevedreses. Un dos principios que serviu para decidir os establecementos premiados foi a aproximación á cultura histórica dos pratos. Valorábase que fosen realistas para que os imaxinativos asistentes á Feira Franca puidesen sentirse realmente no século XIV. Neste aspecto, o presentador da entrega de premios puxo o ton acedo. «Agardamos que os prezos nas vindeiras edicións da feira medieval se asemellen tamén un pouco máis ós da época que recordan», soltou sen compaixón o mestre de cerimonias, que logo disimulou as súas verbas como unha «crítica constructiva para mellorar o festexo», comentou. Así finalizou a segunda edición do Concurso de Maridaxe Enogastronómica que os organizadores agardan realizar o ano que vén con aínda máis participantes para contribuír a ambientar a feira.