En directo | Campamento na granxa Yuca Vinteún rapaces aprenden, desde hai dez días, a coidar ós animais domésticos e a cultivar a horta ó tempo que se divirten con actividades conxuntas ou bañándose no río
27 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Cando o alcalde de Pontevedra chega á granxa Yuca, na parroquia de Santa María de Xeve, a metade dos nenos que viven desde hai dez días na propiedade están a acarrexar palla para Mini, a cabra. «¿A qué vienes aquí?», pregunta con inocencia pero sen piedade un neno. «A saludarvos», responde Fernández Lores. Nunha carretilla, levan a herba seca ata o cortello do animal. «Mini está descompuesta -informa unha das rapazas-. Sólo puede tomar arroz y paja». Os 21 nenos que conviven no campamento sepáranse en dous grupos para desenvolver as distintas tarefas. «Pola mañá sempre traballamos», explica, nada triste, outro dos nenos. Ás 13.30 horas, toca levar a pastar a Barulla e á Señora Julia. Son, respectivamente, unha burra e unha ovella. «Tódolos animais teñen nome», explica Andrés Burgos, un dos monitores. Os porcos chámanse Pizpireto e Chapapota. «É que é de pata negra», aclaran os nenos. Mentres, os outros están a facer carteiras con papel de cómic. «Tamén fixeron cestiños e pizzas no forno do pan», di outra monitora. O alcalde regálalles uns libros e volven dispersarse. Uns van limpar o galiñeiro. Outros, rematar as súas carteiras. O sábado finaliza a súa convivencia e os maiores reclaman: «el viernes hacemos una discoteca».