Protección solar

PONTEVEDRA

NA ÚLTIMA | O |

05 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NO medio da marea de datos que chegaban nos días previos á guerra, díxose que cada un dos soldados que EE.???UU. mandou para Irak portaban sobre os seus corpos material por valor duns dez mil dólares. Máis do que poden xuntar co seu salario durante medio ano, o tempo estimado que botarán naquelas terras antes de ser relevados por un destacamento novo. As condicións adversas do terreo e os avances da tecnoloxía armamentística fixeron dos uniformes dos guerreiros unha especie de prótese electrónica cun precio desorbitado, composta a base de visores nocturnos e sensores capaces de detectar a presencia de axentes químicos na atmósfera. Con todo, o que peor levan os soldados é o calor abafante que fai no deserto, con temperaturas que chegan a sobrepasar os cincuenta grados. Quizais por iso, como se coñece hoxe, o Ministerio de Defensa español recomenda ós membros da Brilat que vai mandar para Irak que leven nos seus uniformes tiritas, aspirinas e algún tubo de crema protectora para as queimaduras da pel en condicións tan extremas. E de paso podía engadir na recomendación unha cinta co ritmo da canción que propón a lotería dos cegos para este verán tan tolo.