José Cotos presenta un programa informático que mellorará a pesca

La Voz R.??B. | PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

O subdirector xeral de Planificación e Xestión Técnica da Xunta, José Manuel Cotos, explicou onte -na penúltima xornada do curso Intelixencia artificial e computación avanzada- as claves dun programa de predicción pesqueira que está en fase de desenvolvemento. O sistema é un exemplo de organización cerebral da informática pola súa combinación de variables e capacidade de memoria e aprendizaxe, segundo sinalaron fontes da organización. Cotos apuntou que este programa servirá para «facer prediccións das maiores ou menores probabilidades de pesca en función da temperatura, da concentración de clorofila e das condicións atmosféricas, por exemplo». A Xunta está a recibir datos dunha embarcación con sede en Burela. «O programa está pensado para os caladeiros do Atlántico Norte -dixo José Cotos-. Centrámonos nos túnidos, no peixe espada e na quenlla, por seren animais de superficie». O plan non ten data de finalización, pero Cotos estimou que podería estar implantado «en meses». Nas outras dúas conferencias da mañá, o profesor universitario Víctor Maojo e o director do Departamento de Informática da Axencia Tributaria, Santiago Segarra, trataron dúas aplicacións diversas da intelixencia artificial: a biomédica e a administrativa. Outro curso No ciclo relacionado coa creación audiovisual en Galicia, o xerente do Consorcio Audiovisual, Ignacio Varela, espuxo a situación do sector: «ocupamos o terceiro posto do Estado, tras Madrid e Barcelona». Isto débese á CRTVG, á Xunta e ó dinamismo empresarial, segundo Varela.