Desaparecer

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

30 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DESAPARECER, esfumarse, abandonar o mundo do real para convertirse en nada é algo relativamente fácil neste mundo telematizado. Onte estiven como unha hora buscando en Internet, que en teoría o ten todo a todas horas, información acerca dun grupo catalán que me gustaba moito e do que non volvín saber nada desde hai dous anos. A rede tampouco tivo noticia ningunha deles desde entón. ¿Evaporáronse, acaso? Supoño que simplemente deixaron de interesar. Coma tantas outras cousas. Hai un ano, por estas datas, os xornais contaban como unha familia británica morrera nun terrible accidente na vía rápida do Salnés, á altura de Sanxenxo, nun choque no que perderan a vida cinco persoas. Quizá recorden que poucos días despois desde a Administración asegurábase que esa estrada, desesperante calquera tarde de verán e tráxica uns cantos días ó ano, ía desdobrarse en menos tempo do que tarda un airbag en despregarse. Tal día coma hoxe, hai doce meses de nada, un estudio afirmaba que en trinta anos non se falaría galego nos institutos deste país. Agora son vintenove. Pero pasou o día e pasou a romaría. Coa de cousas que poderiamos facer desaparecer se quixeramos, e o único que se nos vai é a memoria.