NA ÚLTIMA | O |
22 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.UN sindicato acaba de revelar o que lle debe a patronal ós traballadores afiliados ás súas siglas. O pufo ascende a uns corenta e nove millóns de euros, case dez máis dos que dispón a cidade de Pontevedra para o seu presuposto municipal deste ano. Corresponden ás reclamacións tramitadas por 675 asalariados por impago de nóminas durante este ano. Se non as abonan, as empresas infractoras arríscanse a unha especie de rebaixa no seu índice de cotización. É dicir, ás que lles correspondería ó Ibex 35, sairían do grupo das máis selectas, as que xa non estaban nel poderían suspender a súa cotización como medida cautelar, e outro grupo podería incluso desaparecer. Ningunha das opcións garante, sen embargo, que os traballadores cobren o que se lles debe. Pódese entender mellor o extrano da situación se se di que a maioría das empresas en dificultades agora xa o estiveron hai uns anos. E que a débeda que tiñan con Facenda foi suprimida sen maiores atrancos cando non podían facer fronte a ela. E que, nos seguintes anos, ninguén fiscalizou os seus disparatados gastos, cando os cartos entraban a mans cheas. E que as empresas son clubes de fútbol. E que non hai solución porque, xa se sabe, o fútbol é así.