Descanso entre o mar e a montaña

Rubén Bastón BUEU

PONTEVEDRA

XOÁN CARLOS GIL

Reportaxe | Bueu afianza a oferta de turismo rural do Morrazo cun novo establecemento Os clientes das casas rurais da comarca buscan tranquilidade pero tamén lugares que visitar: restaurantes, praias e rutas de sendeirismo son as cuestións máis solicitadas

21 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

No lugar da Torre, en Cela, houbo ata a Idade Media un pequeno torreón que foi derrubado nun levantamento irmandiño. Aquela edificación daba nome a un espacio moi amplo, polo que os maiores acoutaron como Torre Vella o lugar máis próximo á súa antiga ubicación. Ese é o nome que recuperou como seu a nova casa rural da comarca do Morrazo, a casa Torre Vella. É unha antiga vivenda reformada que oferta catro habitacións dobres. As fiestras oriéntanse cara ó monte e cara á descoidada ruta dos muíños, pero está a menos dun quilómetro da praia. Abreu en xuño e está a tramitar a súa entrada en Turgalicia, programa de fomento do turismo da Xunta. «Piden documentación da antigüidade da casa -comentou onte Paula Martínez, encargada do negocio-. Esta consta nun catastro do 1870, pero probablemente sexa anterior». No pouco tempo que levan, tiveron a casa chea algunha fin de semana e esperan que agosto sexa o seu mellor mes. A casa rural de Bueu, Videira, tamén está preto do mar, no Valado. O 2 de agosto cumprirá o seu primeiro aniversario e, segundo a encargada, Rosa Maquieira, todo vai vento en popa. «O inverno é algo máis baixo, pero agosto, por exemplo, témolo cuberto desde xuño -explicou Maquieira-. Se tivese tres casas, tres casas enchería». Está dentro do programa Turgalicia «a pesar de que aínda non estamos na súa revista». Oferta dez habitacións. Visitantes Os clientes de Rosa Maquieira veñen buscando tranquilidade e descanso. Moitos ían ó Levante ou a Sanxenxo e cambiaron porque «estaba moi aglomerado». Sobre a procedencia di que hai de todo: madrileños, barceloneses, ourensanos, belgas ou italianos. Dormen, desaparecen todo o día e volven para durmir. «Visitan praias, natureza e restaurantes -comentou Maquieira-. Ademais gústalles coñecer xente e enriquécense». Desde hai uns anos, na comarca do Morrazo está a aumentar o interese por esta modalidade de turismo. En Bueu hai dos establecementos, pero Cangas xa ten catro (Casa de Aldán, Cova da Balea, Casa do Ouro e La Garita), en Moaña hai dúas (O Canastro e o complexo de turismo A Fraga rural) e en Vilaboa hai unha: Os Areeiros.