¡ARRE HO! | O |
18 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.IMAXINEN que o Real Madrid, poñamos por caso, ten a potestade de educar os nosos fillos. Imaxinen que hai colexios privados nos que o ensino o programa a directiva merengue, e os nenos van con uniforme, branco, naturalmente. Imaxinen tamén que, ademáis de dispoñer de escolas propias, o Real Madrid consegue que en todo o Estado, de Beluso a Palamós, se imparta unha asignatura obrigatoria de madridismo, que conta o mesmo para o currículo académico que as matemáticas, o galego ou a xeografía. Imaxinen que, como moito, o que hai son dúas versións da asignatura, unha para forofos, na que se aprende a alineación do Madrid das cinco Copas de Europa e se entonan cánticos Ultrasur insultando os maricóns e os do Barça, e outra versión laica, na que se explica por que o Madrid das cinco Copas é o mellor e se expón cientificamente o pensamento Ultrasur. Imaxinen que, por encima, é o Real Madrid o que contrata os mestres, aínda que despois os paguen os contribuíntes. Pois ben: imaxinen agora que o presidente do Real Madrid non se chama Florentino Pérez, senón Rouco Varela, e que os partidos non se xogan no Bernabéu, senón na Peregrina. Porque ¿non é o fútbol paixón? ¿Qué diferencia hai entre a resurrección e un igualmente improbable recorte de Figo? ¿En que se distinguen Deus e Di Stéfano?